A PROTESTA DOS CALDEIROS DEU RESULTADO
Hai un par de
semanas os medios de comunicación fixéronse eco da protesta dos
caldeiros que idearamos para tratar de chamar a atención das
autoridades educativas sobre os graves problemas que padecía o
centro e que eran, basicamente: as goteiras no ximnasio e no
vestíbulo de entrada, as filtracións de auga no deposito de
combustible da calefacción, o enganche, que faltaba, do sistema
contra incendios á rede de auga municipal, e o ascensor, que non
funcionaba.
A resposta dos
medios foi sorprendente. Os caldeiros chamaron a atención incluso de
canles de televisión de ámbito nacional. O interese que demostraron
só foi superado pola celeridade coa que a Consellería de Educación
se puxo a arranxar os problemas; ao día seguinte do da aparición na
prensa dos caldeiros xa había un par de empresas chamando ao colexio
para empezar a traballar.
Dende logo
congratulámonos da rapidez coa que a administración deu resposta as
nosas demandas, aínda que non podemos deixar de ser críticos co
feito de que houbera que recorrer ao espectáculo dos caldeiros para
chamar a súa atención, sobre todo tendo en conta que detrás desta
idea dos caldeiros hai moitos meses de peticións por escrito á
Consellería (chegouse a mandar unha carta cada semana) que non
serviron para absolutamente nada.
A data de hoxe, sen
contar deficiencias de menor calibre, xa temos conectado o sistema
antiincendios e arranxado o tema das filtracións na caldeira da
calefacción. As goteiras están en proceso, pois van precisar da
substitución da cuberta superior do ximnasio, pero confiamos en que
a solución sexa definitiva. O que falta é o ASCENSOR. Este non
precisa de arranxo ningún, só que se contrate o servizo de
mantemento pertinente para que poida empezar a utilizarse.
Dende a ANPA
insistimos na urxencia de poñer a andar o ascensor, pois
considerámolo un equipamento básico nun centro de ensino. Hai
outras cousas que poderiamos reclamar (e que reclamaremos) como por
exemplo o acondicionamento do patio de entrada ao colexio, convertido
estes días de chuvia nunha especie de piscina, pero tamén
entendemos a necesidade de priorizar as actuacións, polo que de
momento imos concentrarnos no tema do ascensor.
Reiterámoslle pois
a Consellería de Educación á imperiosa necesidade de atender a
esta demanda do mesmo xeito que fixo coas demais problemáticas
urxentes que se lle plantexaron a través da protesta dos caldeiros.
Comentarios
Publicar un comentario