A XUNTA QUERE XESTIONAR O COMEDOR DA PEDRA


O vindeiro martes 14 de maio, ás 20:30 h., a ANPA A Pedra convoca unha reunión extraordinaria e urxente para decidir se acepta ou rexeita a oferta da Consellería de Educación de asumir a xestión do comedor escolar posto en marcha pola asociación de nais e pais no ano 2010.
Hai un par de semanas, a Consellería enviou un escrito ás ANPA que xestionaban comedores escolares con menos de 90 usuarios/as, para convocalos a unha reunión, o 26 de abril, na que se lles propuxo o traspaso da xestión ás mans da Xunta.
A ANPA impulsou no seu momento o comedor escolar porque non había quen o fixera, pero
ao mesmo tempo defendeu sempre que a xestión deste servizo (e tamén do Plan Madruga, do que non se falou na reunión) lle correspondía claramente á Administración, preferentemente a autonómica, por entender que representa unha prestación esencial do sistema educativo e non un labor que lle corresponda a unha asociación de nais e pais.
A xestión por parte da Consellería achegaría, ademais, indubidables vantaxes para os/as usuarios, entre as que destaca a da bonificación no prezo do menú, establecéndose diferentes tarifas en función de cada renda familiar. Actualmente, e dende que comezou a funcionar, os/as usuarios/as do comedor contan cunha subvención do Concello de Bueu de 1 € por menú.
A proposta da Xunta, en consecuencia, a pesar de aparecer de maneira totalmente sorpresiva (non tiñamos nin idea de que existira este interese), debería supoñer, xa que logo, un paso adiante e unha satisfacción polo que ten de obxectivo conseguido. Non obstante, ás condicións da asunción do servizo que se presentaron na reunión deixaron moitas dúbidas no aire, sobre todo no tocante ao número de prazas que se ían ofertar. A Consellería resumiu e matizou a súa proposta nun escrito enviado por correo electrónico o pasado 7 de maio, dando como prazo para tomar unha decisión ata o día 15 de maio.
A dúbida principal coa que nos enfrontamos é que o comedor da ANPA ten capacidade para máis de 100 prazas, pero a Xunta só garante a oferta das que temos en uso este curso, unhas 40. Isto podería deixar fóra a moita xente que necesitara o servizo, a pesar de contar o centro con posibilidades materiais de ofertalo, desvirtuando así o sentido e cometido fundamental do comedor, que é para nós o de servir á conciliación laboral e familiar.
Outro aspecto que nos preocupa é que o funcionamento diario do comedor pasaría a ser responsabilidade da dirección do centro, o que non parece moi realista dada a endémica carencia de persoal administrativo que sofren os colexios de primaria, e que obriga ao profesorado a realizar tarefas administrativas en detrimento das súas obrigas docentes.
En conclusión, a ANPA considera de xustiza que a Xunta asuma a xestión do comedor escolar, pero ao mesmo tempo cre que isto non pode facerse a costa de menoscabar e reducir o servizo. Así pois, na asemblea do martes 14 os/as socios/as da ANPA A Pedra terán que tomar unha decisión tan difícil como crucial para o futuro do comedor escolar.
A documentación enviada pola Consellería, relativa á súa proposta pode consultarse na entrada anterior a esta (a da convocatoria da asemblea do martes 14 de maio).
(Texto enviado á prensa o domingo 12 de maio).



Comentarios

Publicacións populares deste blog

BANCO DE LIBROS DO IES JOHÁN CARBALLEIRA